O empresario Tino Saqués fixo efectivo esta mañá o pagamento de 1,6 millóns de euros na Tesouraría da Deputación Provincial de Lugo, correspondentes á adquisición de 150.000 accións que estaban en mans das institucións, Concello de Lugo e o propio organismo provincial, dende a conversión do equipo en Sociedade Anónima Deportiva. Ambos os dous organismos tiñan o 49% dos títulos do club.
Dende hoxe, Tino Saqués convértese no máximo accionista do C.D.Lugo co 57,5% do capital social. Realizada a adquisición, agora completarase un mero trámite administrativo no Consello Superior de Deportes, que debe certificar que o empresario non ten participacións noutro club da Liga de Fútbol Profesional.