As novas liñas de bus entrarán en funcionamento no mes de maio

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas avanzou que mañá a Xunta de Goberno aprobará a modificación do contrato de transporte público, no que se enmarcan as novas liñas e a posta en marcha de diversos servizos. O titular de Mobilidade explicou que “esta aprobación permitiranos avanzar no proceso de implantación de novas liñas, que contamos que esté completado nas vindeiras 7 semanas”.

Con esta aprobación dará comezo tamén o proceso de implantación do SAE, sistema que facilitará a xeolocalización dos buses e o seguimento en tempo real a través da rede. “Ademais, a instalación do SAE permitirá poñer en funcionamento unha serie de pantallas informativas en diversas paradas para que a veciñanza poida saber o tempo que falta ata a chegada do seguinte bus”, explicou o edil nacionalista.

O Tenente de Alcalde lembrou que “o novo proxecto de mobilidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade”, e destacou as conexións das distintas zonas, como o eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

O HULA gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. “Contaremos con 6 liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no HULA, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital”, segundo explicou o segundo edil do Concello.

Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras mellorarase tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.

O Tenente de Alcalde avanzou tamén que “nos vindeiros días iniciaremos unha campaña informativa sobre os cambios que se van realizar nas liñas, para permitir que toda a veciñanza poida coñecer o funcionamento da nova mobilidade de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com