O titular da área de Deportes da Deputación de Lugo vén de amosar a disposición do Executivo Provincial a colaborar no proxecto de construción dun pavillón polideportivo que amplíe as instalacións das que dispoñen os clubs e deportistas de Lugo. O deputado ratificou a proposta feita no comezo do mandato cando se ofreceu a abrir un diálogo co Concello de Lugo e coa Xunta para buscar unha solución á insuficiencia de dotacións deportivas.
“Na área de Deportes detectamos desde o inicio a necesidade de ampliar as instalacións da cidade para dar resposta ás demandas das deportistas e dos deportistas. A proposta do goberno municipal de construír un novo pavillón parécenos pola tanto unha moi boa noticia para o deporte lucense, e mantemos a disposición a colaborar na definición do proxecto e no seu financiamento dentro das posibilidades orzamentarias da institución provincial”, sinalou.
O Deputado de Deportes sostivo ademais que “abordar un proxecto desas dimensións require da contribución da Xunta”. Neste sentido lembrou que, “hai pouco máis dun ano o Partido Popular apoiou no pleno provincial esa proposta de cooperación entre administración, polo que agardamos que a disposición a colaborar sexa agora a mesma”.
O deputado nacionalista reiterou así o seu compromiso co tecido deportivo de Lugo, usuario tamén das instalacións provinciais na cidade, o Pazo dos Deportes e os pavillóns anexos e mais a Escola Provincial de Piragüismo.