A Covid na provincia continúa a súa baixada. Logo do día de onte no que se elevaba de xeito chamativo, aínda que pouco importante, o número de contaxios; hoxe este baremo volvía caer significativamente.
E é que ás 34 altas médicas só hai que restarlle hoxe 3 novos positivos en PCR o que deixa a cifra de casos totais en 210 persoas infectadas. Esto reflíctese levemente tamén na presión asistencial que hoxe volvía restar dous pacientes en planta de hospitalización. En total, son 16 persoas as que se recuperan nas unidades convencionais dos principais hospitais da provincia, mentres que 6 pacientes covid permanecen na UCI do Hula.
E, nesta xornada na que se acadan as 11.410 persoas curadas do virus, tampouco hai que lamentar falecementos.
Datos bos que, pouco a pouco van deixando na maioría de concellos lugueses unha situación de nova normalidade. E eso no día no que dous dos municipios da nosa provincia amencían en situación máxima de restriccións na que ao peche da hostalería e a prohibición de reunións sociais con non conviventes únese tamén un peche perimetral. Trátase de Paradela e A Pobra do Brollón que presentan os niveis máis altos de incidencia acumulada.
Pola súa banda, Lourenzá e Guitiriz continúan no nivel alto de restriccións, ás que se lles une tamén dende hoxe o Concello de Chantada. Nestes municipios si esta permitida a apertura de bares e restaurantes ata as 6 da tarde pero tan só con servizo en terrazas ao 50% da súa capacidade; ademáis permítense as reunións de ata 4 non conviventes e a mobilidade quedará reducida aos municipios que presenten o mesmo nivel de restriccións.
Vacinación
E xa para rematar, 2.500 lucenses de entre 50 e 55 anos están convocados mañá para recibir a primeira dose da vacina de AstraZeneca. Serán os primeiros vacinados dese grupo de idade e farano no marco dunha proba piloto de vacinación masiva; ou o que é o mesmo, será un ensaio para valorar a capacidade de vacinación a grandes grupos de persoas. En total, no HULA vacinaranse uns 1.700 lucenses, no Hospital da Costa, farano 500 persoas e no de Monforte serán 300 os que reciban esta primeira dose. As persoas citadas recibirán unha SMS informándolles de que foron seleccionadas e a qué hora e onde deben dirixirse. Os seleccionados terán que avisar se queren tomar a vacina para, en caso contrarios, poder readxudicar as doses a outras persoas.