A Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana Abelleira, deu a coñecer os detalles da sesión de autocine, que terá lugar o vindeiro domingo,14 de marzo.
A actividade enmárcase na programación do 8 de Marzo, que contempla unha complexa axenda de accións, dirixidas a todos os públicos, coa finalidade de seguir reivindicando e traballando pola plena igualdade entre homes e mulleres, e máis aínda tras esta pandemia, que afectou máis ás mulleres.
O filme escollido é María Solinha, de produción galega e rodada en Galicia, que conta a historia desta muller, que no século XVII foi condeada pola Inquisición por bruxa e queimada na fogueira. A película, dirixida por Ignacio Vilar, mistura a violencia que sufriron as mulleres no pasado coas manifestacións de violencia que aínda siguen existindo. “Serve, polo tanto, de canle de sensibilización á poboación dunha problemática que segue a ser actual”, subliñou a edil.
Segundo explicou Ana Abelleira, durante a presentación poderán entrar 100 vehículos, que poden asistir á proxección de xeito gratuíto no aparcadoiro do Pazo Provincial dos Deportes. O acceso ao recinto será dende as 18:45 horas e a proxección iniciarase ás 19:45 horas. A pantalla onde se visualizará a película ten 150 metros cadrados de supeficie de proxección. A entrada de vehículos realizarase pola Avenida de Madrid (por diante da Facultade de Humanidades e da piscina das Pedreiras) e a saída, cara a rotonda da Avenida Filarmónica Lucense e Alfonso X O Sabio.
O acceso será vía telemática, polo que é preciso a reserva de entradas gratuítas na web www.autocine.gal, que xa están dispoñibles. A actividade realízase sen saír do vehículo, tanto o visionado do filme e o sistema de son levarase a cabo por radio frecuencia. O 20% das prazas estarán reservadas para vehículos de baixas emisións e tamén haberá un espazo acotado para bicicletas (que deberán levar consigo, posto que o son é por radio frecuencia, un teléfono móbil ou radio portátil).
María Solinha, trátase, en palabras do propio director “dunha crónica da imparable enerxía feminina deste mundo, fronte a tantos dragóns que saen das covas, unha e outra vez, para devorar a carne vida do mundo. A película fala da intolerancia e da violenciado mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Un filme de conclusión dramática pero aberta ao luminoso e á beleza primixenia. Película que fai vivir unha experiencia”.
Cunha duración de 123 minutos, o filme está protagonizado por Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morri”, Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Sheyla Fariña.
O tráiler pódese ver na seguinte ligazón: https://cutt.ly/QzfDsFT