O Concello de Monterroso publicou no día de hoxe a través dun comunicado no Facebook que ía proceder a iniciar un proceso de privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) alegando dificultades para cubrir o persoal. Así o informaron hai uns minutos dende a CIG denunciando que “a decisión de privatización dun servizo público se adopte a través dunha publicación nunha rede social, sen ter comunicado nada ás traballadoras do servizo, considerámolo unha falta de respecto total e absoluta ao conxunto das traballadoras dos servizos.
Sendo certo que existen problemas para cubrir as prazas nas convocatorias, desde a CIG demandaron en varias ocasións ao Concello que se convocara unha bolsa de emprego para o SAF na que entre os requisitos non se pedira estar en posesión da titulación esixida, algo que é perfectamente válido e legal “toda vez que é unha formula que se permite para o caso das zonas rurais, precisamente en previsión da falta de persoal, mais desde o Goberno municipal neganse a optar por esa fórmula”.
Pola contra, segundo indican dende a CIG, o Goberno Municipal opta polo modelo da privatización, “cando son viables outras opcións para garantir o servizo así como o carácter 100% público do mesmo”.
“Entendemos que o modelo de privatización non garante en absoluto ningún beneficio para as persoas beneficiarias, nin debe supor un aforro económico ao Concello, senón ao contrario, posto que é evidente que as empresas que se presenten ao concurso o que pretenden é un beneficio económico e non do servizo, e pola contra precariza as condicións de traballo da plantilla”, critican dende a Central Sindical.
Desde a CIG chaman á reflexión do Goberno municipal para que rectifique e opte por medidas que non supoñan a privatización do servizo, e estaremos atentos a todo o proceso para esixir o máximo respecto ás condición laborais do persoal do servizo.