A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, deu a coñecer hoxe unha nova iniciativa do Servizo Municipal de Prevención de Drogas. Trátase da posta en marcha dunhas xornadas online de adiccións sen substancias, organizadas polo Concello de Lugo no marco da programación do +Xti, e subvencionadas polo Plan Nacional de Drogas.
A edil destacou que “abondando no coñecemento do contexto social da mocidade lucense, nos seus hábitos e condutas, dende a área de Xuventude queremos seguir traballando na promoción de pautas saudables para que a rapazada atope unha alternativa de ocio e entretemento acorde non só a súa idade senón tamén encamiñada ao seu propio benestar e coidado persoal”. Ana Abelleira destacou, alén, que a programación prevista levarase a cabo adaptándose ás circunstancias sanitarias da pandemia.
As actividades, que comezarán o vindeiro luns 15 de marzo, poderán seguirse a través da web www.lugomasxti.org
Iniciará estas charlas, dirixidas ao público xuvenil, profesionais e familias, a Doutora en Psicoloxía, docente e investigadora, Patricia Gómez Salgado, co relatorio Relacións e redes: practiquemos o bo trato.
Sobre relacións dixitais, sexualidade, contidos e hipersexualidade falará a psicóloga xeral sanitaria e social Janet Díaz Portela; e os videoxogos, xogos de apostas e redes sociais serán abordadas, como armas de dobre fío polo psicólogo social, deportivo, laboral e educativo Iván Pico Martínez.
Completa o cartel o Delegado de Participación Cidadá da Comisaría de Policía de Lugo, Rubén Darío Veiga, que afondará nos riscos e perigos das redes: as responsabilidades penais.
Unha vez rematados os relatorios, as persoas interesadas en participar, poderán trasladar as súas dúbidas empregando o enderezo electrónico prevenciondrogas@lugo.gal