O PP pregunta cando se licitará a cafetería do Vello Cárcere tras facer entrada independente da zona musealizada

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, reclama ao goberno local “traballo e dilixencia” para sacar a licitación os pliegos da cafetería do Vello Cárcere, unha instalación que leva catro anos pechada a pesar de que o goberno de Lara Méndez a cualificara como a cafetería coas mellores vistas da cidade.

Antonio Ameijide reclama unha solución para esta dotación, que unicamente pasa pola licitación dos pliegos para a súa adxudicación e posterior apertura, sobre todo despois de comprobar que xa se realizaron as obras para dotar dunha entrada independente á cafetería. “Vemos como o gran problema, que era compartir entrada coa zona musealizada xa se solucionou, polo que agora veremos cal é a escusa para non sacar a licitacións os pliegos de contratación da cafetería”, sinalou.

O concelleiro popular explica que a construción desta entrada independente se realizou a través dunha das “fórmulas mestras” do bigoberno: un contrato menor, que tivo un valor de 24.709€. Unha vez solucionado este problema, algo que dende o Partido Popular levamos moitos anos pedindo, non entendemos o motivo de manter pechada esta instalación, seguramente “pola falta de traballo” deste goberno local.

Neste senso, dende o Grupo Municipal Popular afirman que os problemas da adxudicación desta cafetería son froito dunha mala planificación, xa que non había unha entrada independente, problema agora solucionado. Por iso, Ameijide insiste en que “hai decenas de hostaleiros desexando puxar pola xestión e senón o fan é porque as tres convocatorias que se fixeron estaban fóra das necesidades do mercado”. Por este motivo, o popular reclama unha nova licitación da cafetería do Vello Cárcere “cunhas condicións realistas e adaptadas ao sector hostaleiro de forma que o servizo preste unha atención cun horario axeitado que permita que o hostaleiro o xestione”.

Ante a inacción do goberno local, os populares anuncian que pedirán acceso á cafetería do Vello Cárcere para comprobar in situ en que estado se atopa, xa que nestes catro anos que leva pechada ao público hai instalacións e material que se puido danar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com