A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo vén de anunciar esta mesma mañá que o Goberno Municipal dará o nome Fuxan os Ventos ao novo auditorio de Magoi en conmemoración ao grupo musical que no vindeiro ano 2022 cumprirá o seu 50 aniversario. Así o explicaban dende a área de Cultura do Concello esta mañá, un feito que os populares lucenses non dubidaron en criticar duramente.
Ante esta nova, anunciada pola parte nacionalista do Goberno, hoxe en comisión, e fóra da orde do día, o voceiro popular, Ramón Carballo, lamentou a falta de consenso amosado polo Goberno local á hora de buscar un nome para esta instalación. Así, o popular criticou as formas empregadas polos nacionalistas xa que decidiron anuncialo “sen estar o asunto na orde do día da comisión de cultura na que se fixo público”. O popular preguntou aos nacionalistas se xa tiñan unha data de apertura das instalacións culturais e a resposta non deixou indiferente aos populares, xa que os nacionalistas negáronse a responder preguntas “fóra da orde do día”.
O voceiro popular explica que, “sen ánimo de criticar nin desmerecer a traxectoria de ‘Fuxan os ventos’, o procedemento que quere impoñer o BNG non é o máis adecuado”. Para os populares, o nome dunha infraestrutura coma esta debería de consensuarse nunha xunta de voceiros ou no órgano que estime oportuno o goberno local. “Por ética e para non danar a imaxe de ningún posible candidato e candidata a bautizar o edificio debería de debaterse de xeito interno e unicamente desvelarse o nome elixido por unanimidade de todos os grupos”, afirmou.
Dende o Partido Popular consideramos que o máis axeitado é optar por un nome de muller, xa que “son moitas as mulleres lucenses que destacaron na cultura galega e nacional” pese a que estamos abertos a escoitar todas as propostas e así chegar ao consenso que pedimos.