A Carqueixa, Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural

O auditorio da Casa do Saber acolleu esta mañá a cerimonia de entrega da vixesimoprimeira edición do Premio Aresa. O acto foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, os tres membros do xurado xunto con Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC.

Como consecuencia das recomendacións sanitarias, o acto foi totalmente virtual e emitiuse en directo a través da páxina de Facebook de Aresa www.facebook.com/Premio.Aresa .

Antes de coñecer o gañador do premio, Luis García, director do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; José Rodríguez, administrador de Arnigal Cultivos; José Antonio Díaz, presidente da Cooperativa A Carqueixa, e Pablo Sánchez, coordinador do proxecto Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa, como representantes das candidaturas finalistas elixidas por unanimidade, fixeron catro breves presentacións dos seus proxectos.

Seguidamente proxectouse un vídeo conmemorativo do cincuenta aniversario de Aresa no que se recordou como foron os inicios da empresa e a súa evolución ata o día de hoxe e, a continuación, tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a José Antonio Díaz, presidente da Cooperativa A Carqueixa.

Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, Álvaro Rodríguez Eiras felicitou a candidatura gañadora, lembrouse dos invitados habituais –autoridades e representantes empresarias e sindicais do sector- que por culpa da pandemia non puideron asistir e destacou “o importante labor que desenvolve o sector agrogandeiro para a sociedade, un pilar fundamental que quedou máis que demostrado para saír adiante nesta pandemia”.

Pola súa parte, o reitor da USC, Antonio López Díaz felicitou aos representantes de A Carqueixa e subliñou “os cincuenta anos de historia de Aresa, así como os vinte e un deste galardón levado adiante xunto coa Universidade”. Rematou engadindo que “neste acto temos presentes os catro finalistas, unha selección que representa a transversalidade do Premio Aresa” e salientou do gañador “o traballo feito ao longo destes anos así como o salto á venda on-line coa marca Sabor dos Ancares para adaptarse á nova realidade que vivimos tras esta pandemia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com