O voceiro do PP de A Fonsagrada, José Regueiro, denuncia que a liquidación de Xestión de Servizos A Fonsagrada S.L sen amosar, previamente, a contas e a actividade desta sociedade. O popular defende que, para levar a cabo este trámite, se debería con anterioridade auditar esta entidade, co fin de poder valorar o sentido do voto na Xunta Xeral da que forman parte todos os integrantes do Pleno municipal e de garantir a máxima transparencia no proceso.
“Non é de recibo que fixen a liquidación sen explicarnos que foi o que fixo esta sociedade, a que se destinaron os fondos que recibiu e como se atopa na actualidade para querer disolvela. Esiximos, por tanto, claridade e que o proceso sexa o máis limpo posible”, remarca Regueiro. E é que, segundo se pode extraer dos informes do servizo de Secretaría do Concello, fíxase para o 13 de abril unha Xunta Xeral Extraordinaria porque, din literalmente, dita sociedade carece de actividade, non ten presentadas as contas anuais nos últimos cinco exercicios e carece de persoal para desempeñar as súas funcións.
“Resulta, cando menos, chamativo que o fagan”, advirte o popular, pois, segundo o mesmo documento, trátase dunha sociedade mercantil de capital integramente municipal que ten por obxecto a xestión, promoción e desenvolvemento do proxecto municipal aprobado en outubro de 1998, denominado Fonsagrada 2000. Creación e participación en proxectos industriais e empresariais para a promoción do concello e da comarca, en concreto, industrias ou empresas agrícolas derivados, gandeiras e derivados, madeira e derivados, ensino e formación privada, mesmo profesorado: construción e derivados, transportes e comercio menor e maior de 105 produtos derivados de todas as actividades mencionadas.