A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe un novo Plan de Reactivación Económica de axudas directas a empresarios e autónomos afectados polas restricións sanitarias da pandemia, que se porá en marcha o vindeiro mes de abril.
Será o segundo plan, que mobilizará un millón de euros, que lanza o Concello de Lugo, o segundo tras o Plan Reanima Lugo, dotado de cinco millóns de euros e que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, o 15 de marzo, e o primeiro que comezou a pagar as axudas aos sectores.
“Co Reanima inxectamos liquidez a máis de 3.300 beneficiarios nun momento onde, por culpa dos peches obrigados polo confinamento, necesitaban afrontar o pago das súas facturas e poder manter as súas empresas en pé”, sostivo a rexedora, que lembrou que en ambos os dous programas de axudas, así como nos de asistencia social extraordinaria que articulou o Concello, “actuamos só con recursos municipais xa que a Xunta non está a canalizar cara as administracións locais nin un só euro das subvencións millonarias que recibe do Goberno central para asistir nesta emerxencia sanitaria, incluídas as axudas directas para pemes e autónomos, neste caso, 234 millóns de euros que son os que veñen para Galicia”.
A alcaldesa, acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, considera este segundo Plan de Reactivación de imperiosa necesidade para “os sectores da cidade afectados polas restricións, xa que supuxo o peche temporal, total ou parcial, de moitos negocios e establecementos, e polo tanto unha diminución económica nos seus ingresos”.
As axudas da nova convocatoria, que se situarán en contías fixas de 1.000 a 2.000 euros por beneficiario, van dirixidas a aquelas actividades económicas consideradas máis prexudicadas pola COVID-19, tomando como base a normativa autonómica relativa ás medidas de prevención e restrición pola cal son afectadas, “para desta maneira contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”.
A iniciativa mobilizará 1.060.000 euros, o que supón o 1% do Orzamento Municipal para este 2021. “Foi o compromiso que adquirimos como Goberno Local tras a negociación fallida coa Xunta, onde os municipios defendiamos que, debido ás graves consecuencias económicas tras varias ondas de contaxios, todas as administracións aportásemos a mesma porcentaxe dos nosos presupostos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha aportación de 116 millóns para salvar empregos en vez dos 75 millóns que finalmente moverá o Goberno galego”, sostivo Lara Méndez.
O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes con domicilio fiscal no Concello de Lugo.
Liña A.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco. Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria, xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.
Liña B.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, é de 1.000 € por beneficiario.