A Agrupación Socialista de Bóveda, criticou hoxe que o Goberno do PP de Bóveda aprobe medidas para subvencionar o 100% das licenzas de obra das vivendas unifamiliares da vila, e non presente iniciativas económicas para o tecido económico e para as familias co fin de paliar a crise do COVID.
Así o dixo a Voceira Socialista, Carmen Macía trala celebración da sesión plenaria do mes de marzo. Os socialistas denuncian que o Goberno do PP é incapaz de presentar proxectos que contribúan a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas . “Estamos diante dunha situación excepcional por mor desta pandemia, e o Alcalde mira para outro lado, en vez de contribuír a implementar axudas económicas encamiñadas a reactivar ao comercio local, aos autónomos, as empresas e as familias de Bóveda”, denunciou.
Nesta sesión plenaria a Voceira Socialista tamén interpelou ao Goberno Local sobre a utilización dun espazo propiedade do Concello, concretamente o mercado gandeiro de Rubían, por un particular, no que garda o seu material.
“En palabras do propio Alcalde estas instalacións son para todos os veciños, por iso, dende aquí queremos convidar a todos os veciños e veciñas interesados que desexen utilizar este espazo para garda as súas pertenencias”, dixo Macía.
Ademais sinalou tamén que Concello esta adherido a plataforma Hola Pueblo, para impulsar a repoboación nas áreas rurais. “Por iso entendemos que a primeira norma que debería cumprir o noso Concello, para formar parte de calquera entidade, é realizar un adecuado adecentamento e mantemendo do noso entorno, coa limpeza de todos os espazos públicos municipais”, remarcou.