O Concello seguirá coa renovación do alumeado público na Residencia e no grupo da Paz

O Tenente de Alcalde informou da aprobación de novas actuacións de renovación de alumeado público no grupo da Paz, no barrio de Fingoi, e en distintas rúas do barrio da Residencia. “Continuamos a traballar na renovación do alumeado público da cidade, unha actuación importante para continuar mellorar a seguridade nas rúas, ao reducirse as zonas de sombra, ao mesmo tempo que reducimos o consumo enerxético e polo tanto o impacto ambiental e as emisións de CO2 á atmosfera”.

Na zona da Residencia, renovarase o alumeado das rúas Río Ulla, Azalea, Escultor Asorei, Río Lor, Portugal, Amizade e Evaristo Correa Calderón. Trátase de alumeado completamente novo, renovando a infraestrutura existente. Elimínanse en total 50 luminarias de 75, 150 e 250W de distintos tipos altamente contaminantes, como vapor de mercurio ou sodio, mudándose por luminarias LED de distintas potencias segundo a necesidade de cada rúa. O consumo eléctrico pasará de 9.675W a 5.681W, aforrando en total 6.15 Tn de CO2 ao ano. Esta actuación sairá a licitación por 327.995,57€ e un prazo de realización de 14 semanas.

No grupo da Paz renovaranse as luminarias das rúas Pardo de Cela, estralote, carpaza, Santo Domingo da Calzada (zona peonil), Alecrín, Teixo, Acibro, Camelia, Ligustro, Filgueira, Bataneira, Estrelamar, Roseira e Torques. En total substituiranse 48 luminarias de vapor de sodio de alta presión de 150W por 35 luminarias LED de 38W e 13 de 75W. Redúcese a potencia a utilizar de 7200W a 2305W, o que suporá unha reducción de 7.5 toneladas de CO2 ao ano. Nesta intervención aproveitarase a instalación existente, renovando as luminarias e soterrando os cruzamentos aéreos do alumeado.  Esta actuación sairá a licitación cun orzamento base de 85.000€, e un prazo de realización de 3 meses.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o inicio da licitación de ambas intervencións. “En todas as actuacións que realizamos temos en conta a perspectiva de xénero para incrementar e mellorar a visibilidade e a seguridade das rúas”, declarou o segundo edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com