Medio Ambiente inviste 2,6 millóns de euros en ampliar o polígono das Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o estado das obras que se executan no parque empresarial das Gándaras e mantivo unha xuntanza de traballo coa Asociación de Empresarios que representa a esta área industrial e a do Ceao.

Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 2,6 millóns de euros nas obras da segunda fase de ampliación das Gándaras, que deron comezo a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses. Ademais, sinalou que a Xunta está a tramitar unha modificación do proxecto sectorial que posibilitará acometer a que será a terceira fase de expansión do polígono.

O delegado apuntou que deste xeito a Consellería pretende dar resposta ás necesidades dos empresarios de Lugo “de dispoñer de chan industrial con bos servizos e a un prezo competitivo”. Neste sentido, lembrou que o polígono das Gándaras é a segunda superficie empresarial na que máis solo bonificado se adxudicou desde o ano 2015 en Galicia -despois do polígono de Bértoa en Carballo-.

Os case 90.000 metros cadrados da segunda fase tamén se benefician da bonificación dun 50% sobre o prezo de venda;e recordou que recentemente se pechou o concurso de venta de solo empresarial de Xestur, no que se ofertaron seis parcelas no parque das Gándaras, que suman unha superficie total de 54.837 metros cadrados.

Máis solo industrial

A ampliación do parque empresarial das Gándaras responde á demanda de solo que existe sobre esta zona. Nesta segunda fase constrúense dúas parcelas -unha de maior tamaño, de 25.000 metros cadrados e outra de 8.990-, así como unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas de aparcadoiro, que ascenden a 530 si se teñen en conta as prazas dispoñibles nos viarios. Tamén se construirá unha praza pública que ocupará unha superficie de máis de 6.000 metros cadrados.

Igualmente, a Consellería traballa na modificación do Proxecto Sectorial do Parque Empresarial das Gándaras, unha iniciativa que xa finalizou o seu trámite de exposición pública e que -segundo as previsións do Instituto Galego de Vivenda e Solo- poderá aprobarse en 2021.

Esta reforma urbanística posibilitará a fase tres da ampliación, que incrementará en máis de 67.000 metros cadrados este polígono para definir case 40 novas parcelas, cunha superficie media de 1.000 metros cadrados cada unha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com