O Parlamento Europeo aproba unha resolución na que insta aos Estados membros a desbloquear a “Directiva de Maternidade”

A parlamentaria de AGEe, Lidia Senra, fixo unhas declaracións en Estrasburgo onde denuncia que dende outubro de 2010 no que o  Parlamento Europeo votou a favor de ampliar o permiso por maternidade do mínimo de 14 ao mínimo de 20 semanas, con dereito a recibir o salario íntegro. É a Directiva 92/85/CEE, máis coñecida como “Directiva de Maternidade”. Esta directiva leva bloqueada dende esa data polos gobernos dos Estados membros, representados no Consello Europeo Xefes/as de Estado, Presidente da Comisión Europea e Presidente do Consello Europeo, polo que a propia Comisión anunciou a finais do 2014 a súa intención de retirala.

Diante desta situación, “dende a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo impulsouse unha resolución para instar aos Estados a retomar as negociacións e fixar as súas posicións, documento aprobado na mañá de hoxe polo Pleno do Parlamento Europeo con 419 votos a favor –incluído o de AGEe-, 97 en contra e 161 abstencións”.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, amosouse positiva por este paso adiante cara o desbloqueo, xa que “as mulleres conseguimos facer deste obxectivo un obxectivo de todo o Parlamento”, máis quixo chamar a atención sobre o feito de que o bloqueo concreto desta Directiva “é tremendamente significativo porque danos unha proba clarísima do carácter estrutural do machismo nas sociedades actuais, incluída a europea, que tanto se gaba de ser defensora dos dereitos e liberdades”.

Para Senra, “estamos asistindo a como determinados Estados, gobernados por determinados partidos, están a negar á metade da súa poboación, que somos as mulleres, dereitos conqueridos a base de moitos anos de loita”.

Nunha situación de crise social e depauperamento dos dereitos laborais como a que estamos a padecer neste momento na UE, onde “o impacto dos recortes en materia social e laboral está afectando máis duramente ás mulleres”, para a eurodeputada galega a posición do Consello e da Comisión “deixa ben claro que non nos consideran traballadoras en igualdade de dereitos que os homes”.

A día de hoxe, proseguiu, “son milleiros as mulleres galegas que se vén obrigadas a decidir entre ser nais ou traballadoras fóra do fogar, non é isto acaso un síntoma claro do ‘fracaso’ dos nosos gobernos?”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com