A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou hoxe a reunión que mantén de xeito semanal co Inspector de Policía Local, Jesús Piñeiro, para falar sobre este servizo e para revisar as novas incorporacións á frota de vehículos.
Trátase de tres radios patrullas Toyota Prius Plus híbrido, automáticos, con kit de detidos, equipados con panel despregable na ponte con mensaxes de emerxencia e con tablet de acceso á base de datos e á xestión de multas.
Estas adquisicións enmárcanse nas “renovacións necesarias da frota da Policía, que estamos a desenvolver xa seguindo co modelo de cidade verde e sostible no que traballamos, con vehículos ecolóxicos e híbridos”.
Coa incorporación destes tres novos vehículos, a Policía Local de Lugo conta actualmente con seis radio patrullas con kit de detidos, tres de eles hibridos, un suv híbrido, dous todoterreos, un coche camuflado , seis motocicletas e un vehículo de aluguer. Está previsto que este ano tamén se incorpore á súa frota de vehículos un furgón de atestados.