Foi inaugurada no Colexio Fingoi (Lugo) a mostra itinerante “Aquela nena de Sarria”, un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega. Participaron no acto Asunción Fernández Puentes (Siña), directora do centro, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, ademais dun grupo de alumnos do Colexio.
Xela Arias
Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.