A Xustiza vén de anular o procedemento polo que se cubriu a praza do chófer da alcaldesa de Lugo, logo de xubilarse o titular do posto. Así segundo explica a sentenza, a cobertura da praza foi concedida “de forma directa a un funcionario” sen permitir a concorrencia no procedemento “doutros funcionarios iguais ou mellor preparados para ela”.
Así, segundo a Xustiza, “non se cumpren os requisitos que esixe a lei de urxencia, inaplazable necesidade e excepcionalidade que xustifiquen a cobertura deste posto en comisión de servizos” pois, explica a sentenza, a xubilación do titular do posto de traballo “era un feito previsible”.
Ante esta situación, o popular Antonio Ameijide reclamou esta mañá que se saque a praza definitiva para cubrir a vacante do xefe do parque móbil e chofer da alcaldesa, nun proceso, dixo, “transparente e con publicidade”.
Para os populares este “novo varapau xudicial” que se vén de coñecer “certifica a política de persoal clientelar de
socialistas e nacionalistas e pón en dúbida á rigurosidade coa que se está xestionando a área de persoal”. Ameijide reflexionaba que “os tempos novos que intenta vender a responsable de gobernanza non concordan coas últimas sentenzas que se veñen de coñecer”. Os populares refírense a outros fallos desfavorables para Méndez e Arroxo “como o que revocaba a decisión que tomou a alcaldesa de cesar á xefa de persoal a quen culpaba de todas as irregularidades de 20 anos de gobernos socialistas”.
O chofer da alcaldesa estivo 2 anos e 2 meses ocupando este posto ata o 21 de xaneiro de 2021, a sentenza anula o acto administrativo polo que se efectuou esta cobertura de praza e ao Concello a pagar as costas xudiciais.