Jaime Castiñeira afirma que eliminará a ORA antes dun ano se é elexido alcalde

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá que se é elixido alcalde eliminará a zona ORA “antes dun ano”.

Castiñeira, que fixo público este compromiso logo de envolver nunha caixa negra un parquímetro da rúa Dinán para simbolizar a súa defunción, explicou que “igual que outras cidades como Ferrol e Pontevedra funcionan sen ORA, Lugo tamén pode suprimir este sistema”.

Nesa liña, o popular destacou que “mentres que para o PSOE a zona azul é un pretexto meramente para recadar e para perseguir aos condutores, dende o PP pensamos que o importante é garantir a rotación de vehículos, pensando nos veciños e no comercio”.

“É por iso polo que nós eliminaremos a ORA en Lugo e implantaremos un sistema de control de estacionamento gratuíto para os usuarios e xestionado dende o Concello para aquelas zonas e aqueles horarios nos que sexa estritamente necesario, e que non sobrepasarán o 10% das rúas nas que actualmente recada Vendex”, detallou o popular, ao tempo que explicou que “só serían os puntos onde sexa estritamente necesario polo comercio ou por xestións”.

Jaime Castiñeira afondou en que, mentres non se chegue á eliminación da ORA, que irá ligada á remodelación integral do transporte urbano, implantará unha serie de medidas provisionais que fagan “máis cómodo e máis xusto” este sistema. Entre elas, citou a gratuidade da zona azul os primeiros 20 minutos de estacionamento e tamén os sábados. “Iso si, ao día seguinte das eleccións xa poderiamos suprimir a ORA nas rúas que non figuran na ordenanza pero nas que Vendex continúa a recadar co apoio do goberno municipal”, recalcou.

Durante a comparecencia, o popular anunciou outras propostas que inclúe o seu programa de tráfico, como as relacionadas co entorno do HULA: aumento no número de prazas de aparcamento co redeseño (estacionamento en batería e en vez de en liña) e maior control sobre a actividade dos gorrillas “ata a erradicación”.

Paralelamente á mellora do control da seguridade ás entradas e saídas dos colexios e ao impulso das bicicletas, os populares crearán un plan específico para o casco histórico, “que permita un maior control dos vehículos e maior seguridade aos peóns”.

Estas medidas súmanse a outras como o plan de modernización, potenciación e revitalización dos polígonos industriais e a reforma do transporte urbano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com