Xornada negra onte para a cidade de Lugo que viu como o lume calcinaba por completo tres naves do polígono do CEAO e afectaba a outras tantas empresas. Un lume que hoxe aínda non se extinguiu pero está controlado polos servizos de emerxencias. O voraz incendio deu comezo en torno ás 6 e media da mañá de onte e, malia que todavía se investigan as causas, as primeiras hipóteses apuntan a un cortocircuito.
Bombeiros de Lugo e Vilalba acodían a sufocar as lapas que se expandiron con velocidade por varias empresas dado a gran cantidade de materiais infamables que se atopaban nas naves. Tanto foi que a Xunta de Galicia chegou a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia e que desactivaba esta medianoita ao darse por controlado o lume. Asemade, malia que non houbo danos persoais, o certo é que os danos materiais foron millonarios e as perdas xa se calculan en torno aos 15 millóns de euros. Un feito que deixou á cidade consternada no día de onte.
Falta de presión na auga
O certo é que, segundo denuncian varios colectivos, o lume podería estar controlado, quizais, algo antes pero os servizos de extinción de incendios se atoparon cunha gran problemática: a falta de presión de auga no polígono. Tanto que tiveron que desprazar un camión bomba da Xunta de Galicia e as cisternas de Leite Rio tiñan que levar auga para cargar os camións dos bombeiros. Unha situación complicada e que, segundo reclamaban dende Cidadáns esta mañá, debería conlevar unha investigación sobre a responsabilidade municipal neste senso. Juan Vidal Pardo, edil da formación laranxa, amosouse moi crítico esta mañá ante “a falta de información” facilitada polo Goberno local aos propietarios afectados. “É necesario que o Goberno determine ata onde chegan a responsabilidade municipal na propagación. Cónstanos que o Corpo de Bombeiros e as Forzas de Seguridade do Estado puxeron todo da súa parte en combatir as lapas”, explicaba Vidal-Pardo que asegurou que “unha mala previsión do Goberno local podería entorpecer este valioso traballo. A falta de caudal era onte un clamor no Ceao a pesar do que diga o executivo de Méndez”.
Unhas críticas que respaldaba o PP, que aseguraba que, tralo suceso, “é o momento de determinar que medidas adoptar para solucionar problemas que se detectaron á hora de apagar as lapas polos fallos de presión nas bocas de riego”.
Pola súa banda, dende o Concello aseguran que o subministro de auga estivo asegurado en todo momento e a rápida propagación das lapas debeuse ás propiedades inflamables dos materiais que había nas naves. O edil de Urbanismo, Álvaro Santos, permaneceu durante a mañá de hoxe na zona dos feitos dende onde explicou que “dende que se decretou o lume, a subministración de auga estivo garantida”.
“A envergadura do incendio e, sobre todo, as consecuencias que tivo, non gardan ningunha relación coa presión nin co caudal da auga dos hidrantes do Polígono, que se atopa abastecido cun depósito propio. Todo apunta a que a extensión da superficie que se viu afectada polas chamas obedece á elevadísima carga térmica do foco que as propiciou e que facía incontible, axudada polas condicións climatolóxicas, a progresión das lapas”, sinalou Álvaro Santos.
Determinante no devir dos acontecementos, segundo informan dende o Concello, foi tamén o tipo de materiais, altamente inflamables, que se almacenaban nestes negocios, entre os que a penas existía separación que actuase como cortalumes.
Peche perimetral e mala calidade do aire
E nestes intres o polígono mantén un peche perimetral da zona máis afectada polo lume para garantir a seguridade da cidadanía. Moitos son os traballadores que hoxe non podían exercer ás súas funcións debido á mala calidade do aire. Tras un control das emisións de CO2 en empresas que non resultaron directamente afectadas polas lapas, os servizos de emerxencias corroboraron a imposibilidade de traballar nalgunhas das naves cercanas. Así, segundo informan dende o Concello, nalgunas empresas terán que pasar uns días sen traballar.
Nestes momentos, alén, mantense no Ceao un dispositivo especial de tráfico para regular a entrada e saída de vehículos ao mesmo, co obxectivo de garantir a normalidade na circulación.