Ecoloxistas en Acción e a Organización galega de comunidades de montes sinalan que de aprobarse as enmendas presentadas polo Partido Popular ao seu propio borrador da lei de Recuperación de terras agrarias poderanse seguir repoboando con eucalipto aqueles montes que no seu plan de ordenación contemplen este tipo de plantacións ou naqueles montes que no momento de entrar en vigor a moratoria estén tramitando o plan de ordenación. Denuncian que así o que fai a moratoria e garantirlles ás empresas como mínimo a superfice de eucalipto que hoxe teñen. Sen importar se estas plantacións están en terras agrarias ou en zonas con protección ambiental.
“Estas enmendas converten a moratoria nun burdo engano, xa que permitirían que naqueles montes onde o eucalipto supere o 50% da masa forestal sexa plantada toda a supercie por esta especie invasora eliminando as restantes” -alerta Catalina Coya voceira de Ecoloxistas en Acción- “Así esta moratoria do Partido Popular non vai reducir o número de hectáreas de eucalipto, senon que permitirá que aumente”.
Denuncian, ademais, a trampa que sería permitir que naqueles montes onde a plantación dominante é o eucalipto se poda trasladar a outra superficie do mesmo monte a masa de eucalipto substituida por outra especie. Deste xeito se os titulares do monte queren prantar outras especies poden plantar a mesa superficie do eucaliptus eliminado en outra superficie do monte. Advirten que así a moratoria non elimina superficie de plantación de eucalipto, somentes os cambia de lugar.
“Cousa distinta sería se parello ao cumplimento da moratoria a Conselleria do medio rural realizara unha ordenación das plantacions de eucalipto que contemplara entre outras cousas a retiradas desta especie nas zonas agrícolas, agrarias ou de proteción ambiental” -declara Jose Pereira, presidente da Organización galega de comunidades de montes- “Esta ordenación da plantación de eucalipto tería que entrar en vigor no mesmo momento no que rematase a moratoria e ademais debería, nas zonas susceptible de plantación de eucalipto, ir destinando superficie para producir madeira de calidade”.