A Asociación de Empresarios dos Polígonos do Ceao e As Gándaras (AEPOCAG) vén de informar de que porá a disposición dos empresarios afectados polo incendio do Ceao os medios e recursos necesarios para que poidan continuar coa actividade.
Nun comunicado aos medios, a asociación asegura que “agora é o momento de axudar” e que, “máis adiante” haberá tempo de “valorar o ocorrido ao longo do día de onte”. Na opinión da asociación, a situación actual é crítica para as empresas en xeral pero “para estas en particular; é necesario actuar de inmediato” para evitar a perda de postos de traballo, e que non desaparezan “os soños de tantas persoas que día a día durante anos contribuiron a dinamizar a economía da nosa provincia”.
E, precisamente, AEPOCAG púxose, dende o minuto un da traxedia, a disposición dos socios e empresas afectadas para dar apoio en catro liñas que consideraron fundamentais: asesoramento, interlocución, sede física e recursos. Así, como moitos empresarios fixeron onte a nivel particular, a asociación porá a disposición dos afectados asesoramento xurídico, laboral e en calquera outro apartado que poidan precisas “poñendo non só o noso persoal, senón tamén contando co apoio da CEL”.
No relativo a interlocución, a asociación fai referencia ás distintas administracións e entidades ante as que poidan facer de representantes dos afectados. Asemade, AEPOCAG pon a disposición dos empresarios as súas instalacións e os medios físicos que precisen para poder utilizalso como oficinas para os seus negocios. No tocante aos recursos que ceden ás empresas afectadas, a asociación trasladou as mostras de cariño e solidariedade dos diferentes asociados que ofreceron os seus propios medios e recursos.
A asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras nace como entidade de apoio, defensa e promoción dos intereses das industrias dos polígonos de Lugo así como se presenta como punto de unión e coordinación; é por iso polo que nestes momentos se presta a disposición dos afectados no correo asociacion@ceaogandaras.org así como o seu teléfono 604 068 842 para consultas, comunicacións ou información.