Un dos xéneros menos recoñecidos do cinema europeo é o fantástico. Aínda que a priori este tipo de filmes se asocian máis coa gran industria de Hollywood, desde os clásicos da Universal (Drácula, Frankenstein, a momia, o home lobo) ata outros filmes de gran presuposto, no caso de cinematografías europeas como a inglesa ou a francesa, existe unha longa tradición de filmes máis intimistas que intercalan elementos sobrenaturais con dramas de gran calado emocional. En paralelo ao crecemento do interese por este xénero de ficción desenvolvéronse por todo o continente moitos festivais de cinema fantástico e de terror, como os de Lisboa, Bruxelas ou mesmo Sitges.
Na pasada edición deste último certame presentouse con grande éxito A nube, de Just Philippot, a estrea de Codex Cinema para esta fin de semana. Alí sorprendeu ao público coa súa mestura de drama doméstico sobre as tensións entre unha nai e os seus fillos e os elementos de intriga propios dun relato gótico de terror, na mellor tradición da literatura de Edgar Allan Poe.
A nube sitúanos nunha explotación agrícola que leva unha muller independente, que para sobrevivir nun mercado cada vez máis globalizado trata de especializarse nun tipo de cultivo moi especial: os insectos comestibles. Mais onde o cine máis comercial explotaría a parte máis viscosa e espectacular desta situación, con efectos especiais e escenas de acción, o filme de Just Philippot vira cara ao drama psicolóxico e os conflitos xeracionais entre unha nai e os seus fillos. Un retrato dunha muller en crise oculto tras elementos do cinema fantástico grazas a unha narración absorbente onde nada é o que parece.
Mediante una tensión crecente e unha suspensión dos acontecementos consegue ofrecernos unha das películas máis sorprendentes da tempada. O filme foi seleccionado dentro da categoría da Semana da Crítica do Festival de Cannes, se ben o certame francés finalmente non se celebrou por mor do coronavirus. Pero no outono participou no festival de Sitges onde se converteu en toda unha sensación de crítica e público, gañando dous galardóns: o premio especial do xurado e o de mellor actriz para a marabillosa Suliane Brahim.
No seu paso polos festivais, a película foi comparada con grandes películas do xénero fantástico como Encontros na terceira fase de Steven Spielberg, Rabia de David Cronenberg ou Sinais de M. Night Shyalaman, pola súa forma de mostrar eventos extraordinarios desde o punto de vista dunha familia convencional.
O cine máis celebrado en Codex
A nube é unha nova aposta de Codex polos cinemas europeos, por filmes de autor que van máis alá do consumo audiovisual habitual e por películas moi celebradas nos festivais internacionais. É o caso de Outra rolda, o filme de Thomas Vinterberg estreado a pasada semana e que este pasado domingo gañou o BAFTA (os premios da academia británica) a mellor filme estranxeiro, no seu imparable camiño cara os Oscar. O filme foi a mellor estrea en España desta fin de semana convocando a máis de trinta mil espectadores, o que o situou por enriba de filmes de grandes estudos de Hollywood como Nomadland ou Raya y el dragón.
Tamén foron premiadas esta fin de semana tres películas que pasaron recentemente por Codex. Nos premios Mestre Mateo do audiovisual galego acapararon os galardóns Ons, A illa das mentiras e Nación, tres apostas galegas de Codex Cinema que ademais contaron, na súa estrea en salas, con presentacións a cargo das súas responsables: a actriz lucense Melania Cruz (mellor actriz nos Mestre Mateo) no caso de Ons, Paula Cons (mellor directora) por A illa das mentiras e Margarita Ledo (mellor documental) con Nación. O cine galego falou en feminino neste ano marcado pola crise, reivindicando o papel das creadoras e en Codex Cinema estamos moi orgullosos de estar xunto a elas.