A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos concelleiros do equipo de goberno e da deputada provincial de Réxime Interior, Pilar García Porto, presidiu esta mañá o acto de conmemoración do 90 aniversario da II República ao que tamén foron convidados todos os grupos políticos presentes na Corporación
A rexedora daba lectura, diante do monolito da Praza da Soidade, a un manifesto co que Lara Méndez quixo enxalzar os valores de liberdade e igualdade que se promoveron nesta época de apertura democrática do país.
“Hoxe, 14 de abril, queremos lembrar e recoñecer o papel das mulleres e homes que, cun gran compromiso social, loitaron pola construción dunha España, dunha Galicia, dun Lugo próspero e plural. Cando se celebran xa 90 anos desta efeméride, cómpre reivindicar de novo a loita pola democracia e polos dereitos económico-sociais”, manifestou a alcaldesa que aproveitou a ocasión para, apelando á “cultura republicana – que sitúa ás persoas no eixo da acción política” – facer un chamamento ao conxunto da cidadanía convidándoa a participar nos procesos de interese xeral.
“Este debe ser un día de recordo e homenaxe a todo o que a República supuxo para nosa terra: liberdade, a xeneralización de moitos dereitos, o progreso social, o laicismo e a igualdade. Poetas, escritoras e escritores, profesionais da docencia, a medicina e a política, xornaleiros e xornaleiras … vítimas – as asasinadas, arruinadas ou empuxadas ao exilio – débennos facer lembrar o significado da República para manter viva a súa esencia, a súa loita pero tamén os seus logros. A República que non debemos esquecer descansa na memoria das aulas, dos colexios, da Cultura, da Asistencia Social. Descansa tamén na presenza das mulleres na vida pública”, abondou a alcaldesa.
“En 2021, nove décadas despois, nun complexo e dificultoso contexto económico e tamén social, debemos seguir crendo e defendendo que a democracia, o respecto e a unión son a única vía para gañar o futuro”, sinalou Lara Méndez que rematou a súa intervención parafraseando a Clara Campoamor – unha das responsables de que a Constitución do 31 incorporase, por fin, o voto feminino – na contestación dada ao Diario El Liberal á pregunta ¿Monarquía ou República?.
“¡República, República sempre! Porque é a forma de goberno máis conforme coa evolución natural dos pobos”, concluíu a rexedora.