O Estado inviste na mellora de Portomarín como paso do Camiño de Santiago

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a implicación do Executivo de Pedro Sánchez na promoción e posta en valor do Camiño de Santiago durante unha visita que efectuou a Portomarín, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Juan Carlos Serrano. A subdelegada desprazouse esta mañá a Portomarín para comprobar a marcha das actuacións que está executando neste municipio o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Isabel Rodríguez subliñou que dentro das iniciativas do Goberno en apoio do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo figura o investimento de case medio millón de euros en Portomarín. Explicou que neste concello estase traballando en dous relevantes proxectos que foron incluídos no programa de intervencións de interese cultural no Camiño Francés a Santiago que está a desenvolver a Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio coa previsión de que estean rematados para o próximo verán.

A subdelegada comezou a visita comprobando o estado dos traballos que está a realizar o Ministerio para a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes, que teñen un presuposto de 156.494 euros, e posteriormente visitou as obras de construción do Centro de visitantes do castro en Castromaior, tamén financiado integramente polo Goberno e que supón un investimento total de 312.979 euros,  284.041 euros correspondentes ás obras e outros 28.938 do proxecto.

O Pazo do Xeneral Paredes ou casa do Conde da Maza, chamado antigamente Casa Grande, é un edificio singular de Portomarín que está situado a carón da Casa do Concello. Data do século XVI e foi propiedade do Conde de Taboada, tamén co apelido de la Maza, descendente dunha antiga e dilatada dinastía de militares. As obras que se están a realizar teñen por obxecto a rehabilitación do inmoble para acondicionalo coa finalidade de albergar un centro sociocultural, no que os veciños poidan realizar diversas actividades tal como ten previsto o Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com