En vigor dende hoxe a restruturación do Executivo de Lara Méndez

Dende hoxe xa está en vigor o novo decreto de organización do Concello de Lugo, logo de que, onte, a edil Silvia Alonso tomara posesión do seu cargo como concelleira da Corporación Municipal. A restruturación do executivo deseñada pola alcaldesa, Lara Méndez, ten como principal finalidade reforzar aquelas áreas estreitamente relacionadas coa atención aos colectivos máis danados pola crise social e económica que derivou da pandemia.

Entre as principais novidades que incorpora destaca que a Intervención Xeral, dependente da Alcaldía, e que xa ten atribuídas funcións de coordinación xeral neste eido, as exercerá tamén na concellería de Sostibilidade Urbana co fin de dar apoio a un dos departamentos cruciais para a dinamización económica do municipio.

Igualmente, tamén se verá reforzada a área de Benestar Social, que disporá dunha coordinación específica para os procedementos da súa iniciativa dende a Secretaría Xeral do Pleno. Así, a configuración actual que ofrecen as distintas áreas de Goberno obedece ás directrices dadas por Lara Méndez para, por unha parte, “avanzar nos criterios que posibiliten o mellor desenvolvemento do proxecto de cidade continuando coa Segunda Gran Transformación de Lugo que xa iniciamos no mandato anterior, ao tempo que aproveitamos a experiencia e as capacidades dos concelleiros e concelleiras para efectivizar as prestacións municipais en beneficio do conxunto da cidadanía e do interese xeral”, resumiu a rexedora.

Deste xeito, das catro grandes áreas de Goberno, a única que permanece inalterable é a de Gobernanza, coa concelleira Paula Alvarellos ao fronte, que continúa aglutinando Economía, Facenda e Recursos Humanos.

Experimentan unha modificación o resto de departamentos, de xeito que emerxen dúas novas áreas: Cohesión Territorial, na que se engloban Medio Rural e Medio Ambiente con Miguel Ferández como responsable, Cohesión e Dinamización Social, liderada por Ana González Abelleira como edil de Desenvolvemento Local e Emprego. Dentro desta última área, Olga López Racamonde mantense como concelleira de Benestar, Inclusión e Persoas Maiores; Mauricio Repetto xestiona Xuventude e Deporte e Silvia Alonso asume Igualdade e Muller.

Pola súa banda, Álvaro Santos dirixirá a concellería de Sostibilidade Urbana na que, ademais de Urbanismo, se integrará o labor da Empresa Evislusa.

“O Lugo que queremos é o da igualdade e a xustiza social, o da creación de oportunidades para todas e todos, a consecución de emprego, especialmente entre a mocidade, e o da atención aos colectivos máis vulnerables, accións que están especialmente vinculadas coas Políticas Sociais, bandeira dos gobernos socialistas deste Concello desde o inicio. Estou segura de que estes cambios redundarán na mellor consecución de todos eses obxectivos”, concluíu Lara Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com