O Arde Lucus 2015 contará con máis asociacións participantes e novidades nos emprazamentos dos campamentos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou algunhas das novidades presentes na celebración do Arde Lucus 2015 que terán lugar os días 19, 20 e 21 xuño.

Carmen Basadre anunciou como unha das novidades o desconto do 30% que realizará Renfe en todos os billetes que se merquen con destino a Lugo. Este desconto realizarase entre os días 17 e 23 de xuño a través da páxina web www.renfe.com pero tamén durante a primeira quincena de xuño na canle de entretemento dos trens AVE e Alvia emitirase o documental Arde Lucus dirixido polo lucense Brais Revaldería.

Por outro lado, un ano máis, o Grupo Alsa, fará un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar o Arde Lucus ademais de ter toda a información para a compra dos billetes na súa páxina web www.alsa.es. Dende esta aplicación farase o desconto do 25% para aquelas persoas que merquen un billete para a cidade de Lugo entre os días 16 e o 23 de xuño.

O Arde Lucus 2015 contará tamén con preto de 1.000 nenos e nenas máis para o desfile dos colexios da cidade xa que se sumaron máis centros para participar no mesmo e conseguindo unha cifra de participantes entre escolares e profesores de preto de 4.000 persoas. Outro dato, que destacou é a participación de todos os grupos de teatro da cidade en diferentes actividades e representacións.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua tamén informou dos cambios de ubicacións dos campamentos ante o aumento de asociacións que participan na recreación histórica do Arde Lucus.

“Actualmente temos un total de 14 asociacións diferentes de romanos, castrexos, senadores e vestais e aos que se incorporaron un novo grupo de seres mitolóxicos con 9 compoñentes e outro grupo de gladiadores e amazonas con 14 membros o que mostra a gran implicación dos veciños e veciñas da cidade” segundo indicou Basadre.

Este ano, ante o aumento de participantes, modificáronse varias ubicacións dos campamentos para unha maior comodidade dos participantes e visitantes. Desta maneira, a Castra estará como en anos anteriores no Carril dos Fornos e dará acollida as asociacións Caetra Lvcensivm, Civitas Lvcensis, Lvcvs Eqvites, Lvgdvnvm, Terra Copora e Tir Na N’og.

Na praza Horta do Seminario estarán instalados a asociación Mercenarios Galaicos, no Cantiño Nemesio Cobreros instalarán o campamento de Trebas Galaicas, na Praza da Constitución, por primeira vez, instalaranse os Senadores Romanos, e na Praza de Bretaña os Salesiani Lvci Avgvsti. Tamén por primeira vez a Guardia Pretoriana montará o seu campamento na Praza de San Marcos e as Asamblearias ocuparán o espazo dos xardíns da Deputación de Lugo.

Na Praza Maior instalaranse na parte máis próxima a Casa do Concello a Cohors III Lucensium e no fondo da praza o Templo das Vestais. Este ano tamén participarán membros de asociacións de outras festas de recreación histórica como son de Cartaxena, Astorga, Asturias ou Vitoria.

Outra das novidades é o cambio de ubicación das actividades do Miúdo Arde que pasarán á nova praza creada na Calella do Hospital e Carril do Son e que se converte nun espazo protexido e recollido para as actividades dos máis pequenos. O Macellum situarase, como sempre, na Praza Maior, con 65 postos de diferentes tipoloxias.

Tamén haberá un espazo para O lugar das Ornatrix na que os perruqueiros de Lucus Augusti realizarán peiteados de época a todas as persoas que se acheguen á confluencia da rúa da Raíña coa rúa Xoan Montes. Todas as perruquerías que queiran participar e formar parte do Ornatrix poderán inscribirse a través do 010 ou na Concellería de Xuventude ata o 7 de xuño.

Os restaurantes ao aire libre que se instalan durante os tres días de festa tamén teñen variacións xa que por primeira vez instalaranse dous na praza Horta do Seminario, un na praza Anxo Fernández Gómez, un na praza da Soidade e nove postos pequenos de comida repartidos en diferentes zonas próximas á praza da Soidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com