O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes o programa Actívate. Trátase dunha iniciativa vencellada ao turismo activo, científico e mindfulness que se celebrará as fins de semana de maio e xuño ao longo de 18 concellos da provincia de Lugo.
Este programa nace co obxectivo de dar a coñecer os recunchos de toda a provincia a través de propostas diferentes para realizar en familia, con amigos ou sós. Este novo programa dará prioridade á participación da veciñanza lucense, que poderán realizar actividades como a iniciación aos cogomelos de primavera ou barranquismo, que se celebrarán o 1e 2 de maio, pero tamén actividades de sendeirismo, de montaña, surf ou Tai Chí e ioga. Tamén está previsto que se realice unha actividade nocturna para a observación dos ceos no concello de Muras. Todas as actividades serán gratuítas.
Tomé Roca sinalou que “Actívate nace pola aposta dun turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio. Dende a Deputación entendemos que promover o turismo de proximidade é un xeito de axudar á recuperación da economía e tamén unha maneira de promover un lecer seguro en tempos de restricións de mobilidade”.
As persoas interesadas en participar nas dúas primeiras actividades xa poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/activate. Para máis información enviar un correo electrónico a atuaprovincia@deputacionlugo.org ou poden chamar aos teléfonos 982.26.00.11 ou 982.26.02.34. As inscricións abriranse progresivamente todos os martes, con 10 días de antelación, ata completar o calendario.