Un camioneiro resultou ferido esta tarde en Pantón despois de que o vehículo no que circulaba rematase fóra da vía e envorcado. Para prestarlle asistencia ao condutor foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Monforte de Lemos que, aínda que descartaron o emprego do material de excarceración para liberar ao ferido, ao atoparse accesible, colaboraron cos profesionais sanitarios para introducilo na ambulancia.
O accidente tivo lugar no punto quilométrico 543,5 da N-120, ao fío das 17:30 horas. Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do sinistro.
Nada máis ter coñecemento do accidente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.