A Xunta de Galicia somete a información pública o futuro Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra co fin de seguir avanzando de cara á súa aprobación e posterior posta en práctica. Durante os próximos dous meses, todas as entidades interesadas e a cidadanía en xeral poderán presentar as alegacións que consideren oportunas para modificar ou enriquecer o documento, que previsiblemente será aprobado pola Xunta de forma definitiva este mesmo verán.
Unha vez superada a participación pública e despois de que se publique no DOG o texto final, iniciarase a tramitación do correspondente convenio entre o Instituto de Estudos do Territorio (IET), a Axencia de Infraestruturas de Galicia, o Consorcio Turismo Ribeira Sacra e as Deputacións de Lugo e de Ourense para poder executar o devandito plan.
No caso do Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra, o IET propuxo esta ferramenta como unha importante actuación coa que promover a protección e mellora paisaxística deste espazo natural. Un obxectivo compartido, ademais, co Pacto pola paisaxe na Ribeira Sacra, que se está a executar desde o ano pasado.
Así mesmo, o Plan de acción da paisaxe a desenvolver discorre polo territorio de dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos localizados maioritariamente na Ribeira Sacra: o de Chantada-Ponte Nova dos Peares, e o de Monforte de Lemos-Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (no tramo que conecta Cristosende co propio mosteiro).