Xornada de Pleno na Deputación de Lugo e xornada de acadar unanimidade nalgún dos puntos máis importantes que se levaron a debate.
Así, o Goberno provincial conseguiu o apoio de todos os deputados da corporación na súa moción que reclamaba á Xunta de Galicia que facilite e axilice o traspaso de competencias, funcións e custes dos servizos sanitarios que prestan os concellos da provincia de Lugo no menor tempo posible, a través do mecanismo acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias, a FEGAMP; en especial, os deputados socialistas que se encargaron de defender esta proposta, fixeron fincapé na atención á drogodependencia.
A reivindicación socialista pretende reordenar as competencias e o gasto que asumen os concellos para desenvolvelas, facilitando que o conxunto dos servizos sanitarios corresponda ó organismo competente que é a Xunta de Galicia, liberando aos municipio de gastos que, a día de hoxe, din os socialistas, a Xunta financia dun xeito insuficiente.
O voceiro socialista, Pablo Rivera, advertiu ao pleno que “o modelo de atención ás drogadiccións da Xunta baséase na asistencia ambulatoria e, nos casos extremos de deterioro da saúde, na deriva hospitalaria. Historicamente, a Xunta ten deixado a atención residencial, isto é, o internamento en centros de desintoxicación, nas mans de entidades do terceiro sector. Por iso é necesario un maior compromiso público neste eido, máxime nunha situación de pandemia como a que estamos vivindo”, explican.