Acordo no pleno ordinario de abril do Concello de Lugo para actualizar o Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), moción defendida polo Partido Popular e que recibiu os apoios para saír adiante. Tras rematar o pleno, o voceiro popular, Ramón Carballo, asegurou que agarda que o acordo acadado “non quede nun caixón do PSOE ou do BNG e se materialice axiña” para maior seguridade de todos os lucenses.
Recorda o voceiro popular que o plan de emerxencias vixente data do 23 de maio de 2007, polo que neste plan non se recollen barrios enteiros, como Augas Férreas, nin o auditorio, nin o centro comercial de Duquesa de Lugo, nin a Ponte Branca sobre o río Miño. Polo tanto, o documento actual “está obsoleto” e urxe a súa actualización, tamén porque é un plan de hai 14 anos, pensado para unha poboación de 92.000 habitantes cando na actualidade rozamos os 100.000 habitantes.
Outra das mocións dos populares que acadaron os votos a favor do pleno, foi a iniciativa para que o Concello de Lugo se sume ás reivindicacións realizadas por outros concellos de España para solicitar ao Goberno de España a reformulación das axudas estatais aos municipios e así avanzar nun novo sistema de financiamento das entidades locais que mellore o actual e definir o acceso ao financiamento europeo dos concellos respecto aos fondos asignados a España por un importe de 140.000 millóns de euros.