O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda con prudencia que pronto se reanuden as comunicacións entre Asturias e Galicia, unha vez que remate o estado de alarma, o vindeiro domingo, 9 de maio. O rexedor cualifica de experiencia “inédita e moi dura” a vivida polos veciños e veciñas de Ribadeo e do Occidente asturiano, que levan moitos meses sen poder estar cos seus familiares e amizades.
Suárez Barcia valorou con prudencia a posible confirmación deste alivio nas restricións e o posible reencontro porque ” a verdade é que botamos moito de menos aos nosos amigos e aos nosos familiares en moitas ocasións, durante todo este tempo que non puidemos estar con eles e non puidemos ir alí, como supoño que os do Occidente tamén nos botarán de menos a nós”.
O rexedor sinalou o duro da experiencia tan “inédita” que, como noutras zonas limítrofes, están a vivir entre Asturias e A Mariña, e “que se ampliou por moitísimo tempo”, máis do esperado para dúas comarcas acostumadas á integración da cidadanía nunha ou noutra comunidade. Con todo Suarez agarda que a apertura das comunicacións entre Asturias e Galicia “poida ser realidade dentro duns días, se as circunstancias sanitarias o permiten”.
O alcalde manifestou que “queremos ir a Tapia, á Veiga ou a Castropol como supoño que os de Taramundi, os dos Oscos ou os da Caridad, por poñer por caso, tamén estarán desexosos de volver andar, pasear e comprar en Ribadeo, e quen di Ribadeo di en toda A Mariña”.
“Estamos todos detrás da ciencia, a ciencia é a única que nos vai salvar e neste caso esperemos que así sexa canto antes”, lembrou tamén o rexedor que explicou que “máis aló de falsas e artificiosas polémicas alimentadas moitas veces co nome da ría, moitas veces por quen non ten que facer, eu penso que estes si que son os verdadeiros lazos que nos unen”.