O Campus de Verán XuvenCiencia regresa á presencialidade con once proxectos e seis actividades para 65 estudantes

“Botábasnos en falla? Xa tiñamos gana de vernos as caras”. O Campus de Verán XuvenCiencia regresa á presencialidade cunha novena edición que se celebrará no Campus de Lugo da USC do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021. Este venres, 7 de maio, ás 15:30 horas, abre na páxina web xuvenciencia.org/campus a preinscrición para esta actividade, dirixida a alumnado de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP.

Despois dunha edición “en rede, que non virtual” o ano pasado, condicionada pola pandemia, a organización do Campus, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, decidiu organizar para este verán de 2021 unha edición presencial, aínda que adaptada a todas as medidas pertinentes nun contexto aínda excepcional.

É por iso que se optou por un deseño do Campus en proxectos, que funcionarán a modo de grupos burbulla para cinco ou seis estudantes. Fronte a edicións anteriores nas que participaron no Campus XuvenCiencia ata 150 rapazas e rapaces, nesta edición de 2021 ofértanse 65 prazas para poder garantir as condicións de seguridade.

O alumnado poderá escoller para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2021 entre dez proxectos e un obradoiro de medios de comunicación.

Asemade, o programa propón actividades que serán para o conxunto dos participantes, como un roteiro cultural e medioambiental pola contorna de Lugo ademais de obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, así mesmo, charlas divulgativas, unha Feira de Ciencia no Campus de Lugo e algunhas sorpresas.

O Campus XuvenCiencia ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 27 de xuño e o sábado 3 de xullo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com