O Partido Popular aplaude que a alcaldesa de Lugo “só tardase cinco anos en dar o paso para iniciar as negociacións coa entidade titular das instalacións do colexio do Sagrado Corazón para conseguir a cesión destas instalacións”.
O voceiro popular Ramón Carballo lembra que “a propaganda da alcaldesa se esquece de que en 2016, e no ano 2019 o Grupo Popular presentou senllas iniciativas no pleno, ambas aprobadas por unanimidade, instando a iniciar de forma urxente estes contactos”. “Era unha vella demanda dos populares de Lugo que, por desidia de Lara Méndez, chega tarde”.
O voceiro popular explicou que “de estar cedidas as instalacións se podería abrir xa este verán a toda a veciñanza a pista polideportiva escolar, gañando un novo espazo público para o barrio”.
O voceiro do PP lamenta “o tempo perdido” e agarda que se avance nos estudos necesarios para comprobar se as dependencias valen para o futuro Centro de Saúde e, no caso de que non se adecúe o espazo existente para este uso sanitario, que o goberno local inicie os trámites para a posta a disposición da Consellería de Sanidade dos terreos necesarios para a construción dun novo centro de saúde no barrio.