O Partido Popular alerta dunha “nova avalancha” de queixas veciñais por cobros excesivos nos recibos de auga. O voceiro popular Ramón Carballo recriminou que PSOE e BNG “sigan sen inmutarse e permitan que se penalice aos veciños e veciñas de Lugo con contías desorbitadas, nalgúns casos, na facturación do consumo de auga”.
Dende o PP volven brindarse para axudar aos afectados a presentar as reclamacións oportunas a través do correo electrónico grupomlugo.pp@lugo.gal . “Na pasada tanda de facturas, correspondentes ao último trimestre do ano 2020, asesoramos a un cento de lucenses para que presentasen reclamacións que, a día de hoxe seguen sen responder” e advertindo que o silencio do Goberno local lévaos a “barallar a posibilidade de presentar esta cuestión diante do Valedor do Pobo”.
O que solicita o PP é que o Concello de Lugo “anule as taxas cobradas indebidamente e proceda a liquidalas de novo repartindo o consumo total do ano entre os catro trimestres, de forma que se manteña o espíritu da norma e se respecte o principio de igualdade e proporcionalidade”.
Os populares lembran como na última comisión de suxestións “o persoal do servizo de augas alertou da falta de persoal administrativo e de lectores” asegurando que “non daban abasto” recriminándolle a Méndez e Arroxo que esta situación é froito do “desmantelamento do servizo”.