O Concello de Lugo acometerá un plan de melloras e de acondicionamento intensivo no parque Rosalía de Castro, “unha zona verde emblemática da cidade, con vistas a que poida amosar a súa mellor imaxe cando estamos a punto de celebrar o seu centenario”. A rexedora lucense, Lara Méndez, explicou os traballos que comezaron xa a desenvolverse e que continuarán durante este mes e xuño.
O plan de actuación inclúe, entre outros, a recuperación do mobiliario urbano como os máis de 200 bancos de madeira, o pintado dos 92 farois, a reposición dos azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil. A estas actuacións súmanse as realizadas recentemente como a mellora e ampliación do parque infantil.
Lara Méndez anunciou tamén que se está a traballar na conmemoración do centenario da aprobación en Pleno da creación desta zona verde, en xullo do ano 1921 con Angel López Pérez como alcalde. A rexedora lembrou que foi chamado oficiosamente Bella Vista polos paisaxes que desde el se divisan.
A súa execución incluíase dentro do plan de hixienización da cidade e pretendía a “construción dun amplo parque con tódalas comodidades e recreos desta clase de paseos”. O lugar escollido para a súa construción foi o coñecido coma Bellavista no Garañón para o que se adquiren as primeiras parcelas, de 94.656 metros cadrados cun desembolso de 91.078 pesetas, que se foron logo ampliando.
Foi, comentou a rexedora, “unha zona verde que foi pensada non para o ornato público e o goce da burguesía decimonónica, senón que tiña un fin social pois podería ser utilizado por todas as clases sociais e estaba pensado para que o gozasen persoas de todas as idades”.