A Mancomunidade aprobou no pleno celebrado onte o Plan de Sustentabilidade Turística para A Mariña Lucense, que opta á nova convocatoria da Secretaría de Estado de Turismo.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, que participara como poñente na presentación da nova convocatoria dos Plans en Lanzarote en representación dos destinos rurais costeiros, quere agradecer o consenso do plenario: “estamos seguros da calidade do plan, que xa nos trasladara a Secretaría de Estado de Turismo e ao que houbo que facerlle pequenos reaxustes para adaptalo á nova convocatoria. Nese sentido hai que agradecer á Fundación Juana de Vega, financiada pola Xunta de Galicia, o traballo técnico que realizaron”.
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade agarda contar co apoio das administracións a unha comarca eminentemente turística que non o está a pasar ben, na que pesa e moito a incerteza sobre Alcoa: “o portavoz do Partido Popular na Mancomunidade e alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, comprometeuse a facer as xestións oportunas na Xunta de Galicia, que tamén expresou o seu compromiso co Plan de forma pública a través do vicepresidente, Alfonso Rueda. Necesitamos contar co apoio político a un plan tecnicamente impecable e que grazas á Secretaría de Estado de Turismo puidemos visualizar en Lanzarote ante toda España. Hai que seguir traballando nesta vía de consenso”.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, explicou que “para a revisión e actualización do Plan mantivemos reunións de traballo cos concellos e co tecido turístico empresarial para analizar a nova convocatoria e onde foi presentado e analizado”.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presenta un Plan de Sustentabilidade Turística por un importe de 3 millóns de euros a desenvolver do 2022 a 2024, “que ten por obxectivo impulsar un desenvolvemento turístico sostible e rentable na Mariña, cunha visión do turismo a medio e longo prazo. Temos un enorme potencial, xa que contamos con un patrimonio cultural e un entorno natural de enorme beleza, que debemos poñer en valor. Debemos sacudirnos complexos e avanzar, ser un reclamo turístico tamén fóra da tempada de verán, e que o turismo á súa vez contribúa a mellorar a cohesión territorial e frear a perda demográfica que se está a dar nos concellos do interior da Mariña.”