A alcaldesa, Lara Méndez, supervisaba hoxe, xunto ao Inspector Xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, o operativo de tráfico posto en marcha polo Concello de Lugo para proceder ao inicio dos traballos de construción da rotonda de San Eufrasio.
A rexedora lembrou que a obra, contemplada xa no Plan de Barrios de 2018, se materializa agora logo de que a Xunta de Galicia cedera definitivamente os terreos a principios deste ano.
“O procedemento concluíu o pasado mes de febreiro cando recibimos o tramo, de 855 metros de lonxitude, da estrada LU – 530 comprendido entre San Eufrasio e o paseo do Rato co que agora melloraremos a seguridade viaria na contorna”, indicou Lara Méndez.
A alcaldesa quixo destacar o calado da actuación, “de gran trascendencia para a cidade. Estamos seguros de que a súa materialización terá repercusións moi positivas para a mobilidade local, xa que con ela se corrixirá a falta de visibilidade da que adoece o cruzamento na actualidade, un dos principais corredores de acceso ao HULA”, destacou Lara Méndez.