A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, xunto ao Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira avanzaron hoxe que, rexistraron unha batería de iniciativas parlamentarias, “para reclamar ao Goberno de Feijóo sacar a concurso na maior brevidade, tódalas parcelas posibles do polígono industrial de Taboada, así como realizar todas as actuacións necesarias para rematar este polígono”.
Na iniciativa rexistrada tamén demandan que “se teñen en conta a ACIMTA, así como ás demais empresas interesadas en asentarse no polígono de cara a adecuar o polígono industrial ás necesidades actuais de tecido empresarial de Taboada”.
Patricia Otero advirte que “a nova fase do polígono industrial de Taboada (Lugo), xestionada pola Sociedade Publica Xestur dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) leva anos de retraso co conseguinte risco de que empresas interesadas en asentarse neste polígono decidan finalmente desistir da súa intención e instalarse noutros polígonos industriais”.
Nestes intres temos constancia de que “existen empresas interesadas en instalar a súa actividade neste polígono, que xerarían novos postos de traballo, tan necesarios nestes intres que estamos a vivir nun momento de crise económica derivada da pandemia da Covid-19, non podendo tampouco pasar por alto que serviría para fixar poboación neste concello”.
A Deputada Autonómica explica que no Concello de Taboada “existe a Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA) que representa a 75 empresas, que é a que mellor coñece as necesidades das empresas que alí se queren asentar e que entendemos que o IGVS debe ter una interlocución directa coa dita asociación, xa que froito deste diálogo permitiríase ter os mellores resultados de aproveitamento do polígono, atendendo as necesidades actuais do tecido empresarial de Taboada”.