O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Lugo a aposta decidida do Goberno pola mellora das comunicacións da cidade coa súa contorna para aumentar o seu potencial económico e social na Comunidade. Así llo transmitiu á alcaldesa, Lara Méndez, durante a súa primeira visita institucional ao Concello.
Na reunión, o delegado abordou coa alcaldesa a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation e, dentro deles, a materialización do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para os concellos.
Nesta liña, insitiu no papel da Delegación do Goberno en Galicia como ponte entre as administracións locais e os distintos ministerios para a xestión e execución destes e doutros proxectos. Puxo como exemplo, no caso da cidade de Lugo, dos 12 proxectos de eficiencia enerxética impulsados polo Concello e que van recibir do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do IDAE, 3 millóns de euros para a súa execución.
José Miñones lembrou ademáis que o Goberno investirá na modernización do corredor Lugo-Ourense de tren 546 millóns de euros. Para iso, Adif está a tramitar 71 contratos con cadansúa licitación, coa vista posta en que estea operativo en 2024.
A modernización e mellora da liña permitirá aumentar a súa fiabilidade e competitividade, dada a incorporación do tramo Ourense-Monforte ao Corredor Atlántico de Mercadorías e á implementación da conexión de Lugo á Rede de
Alta Velocidade.