O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou esta mañá os datos da liquidación dos orzamentos municipais de 2020 que, segundo explicou, constatan que os orzamentos elaborados polos grupos de goberno estaban falseados.
Así o relatou Ameijide que explicou que, segundo a liquidación, o Concello só recadou o 46,4 % dos ingresos previstos, o que para os populares demostra que as contas de Méndez e Arroxo estaban infladas e non correspondían á realidade de Lugo. Segundo estes datos, o Goberno tiña unha previsión inicial superior aos 100 millóns de euros pero tan só ingresaron 69,5 millóns.
Ao estudar o desglose de ingresos por partidas, “pode comprobarse” como Méndez e Arroxo están “moi lonxe da realidade” xa que hai partidas nas que “inflaron” a cifra de ingresos esperados, “pero a liquidación deulles unha lección de realidade”.
As previsións de ingresos estimadas por Méndez e Arroxo distan moito das reais, polo que pode dicirse que os datos da liquidación de 2020 deron “unha lección de realidade” á alcaldesa e ao vicealcalde. Por exemplo, no que se refire ao imposto de sobre construccións, instalacións e obras e as taxas por licenzas urbanísticas, a diferencia entre ingresos estimados e reais débese, principalmente, ao colapso na concesión de licenzas que hai no Concello de Lugo.
No referente ás taxas por apertura de establecementos ou entradas por espectáculos e exposicións, está claro que a crise da covid afectou, pero, tal e como informa o interventor municipal nun informe recente hai “un importante estancamento na evolución dos ingresos, completamente diferente á evolución ascendente en materia de gastos”, unha situación que afirma “non imputable á situación extraordinaria actual motivada polo COVID19”.