O PP esixe a Tomé transparencia e equidade nas decisións laborais na Deputación

O Grupo Provincial do PP esixe ao presidente da Deputación, José Tomé, transparencia e equidade. Así o dixo hoxe o deputado provincial popular José Antonio García logo de coñecer que a Deputación aportou unha subvención ao sindicato UXT, do que é responsable en Lugo o seu irmán Ángel Tomé. O grupo popular demanda do goberno provincial, e sinaladamente do seu presidente, máis transparencia na xestión de persoal e un trato igualitario para todos os integrantes do cadro de persoal.

Cando a finais do ano pasado, o presidente Tomé concedeu unha subvención de preto de 20 mil euros ao sindicato do que é responsable en Lugo o seu irmán, non foron poucos no campo sindical os que expresaron certo malestar, tanto polo pouco estético do feito, como polo que puidera ter de discriminación con respecto a outras organizacións. Na mesma liña de decisións que os populares tildan “de estética brumosa” enmárcase a selección de Sonia Verdes, ex deputada socialista, como veterinaria da Deputación, un proceso no que quedou en segundo lugar o ex concelleiro socialista lucense Daniel Piñeiro así como outras decisións laborais.

“A disolución de Suplusa levou a que os seus traballadores, por decisión do goberno provincial, teñan presentes laborais moi distintos”, lembran os populares. Mentres algúns foron incorporados ao cadro de persoal da Deputación, outros (os encargados das zonas verdes) foron subrogados en Tragsa, onde seguen, aproveitando que, mediante a compra dunha acción, esta empresa ten a consideración de medio propio da Deputación. “Por que se da tal discriminación? A resposta tena o presidente da Deputación. Non hai que esquecer que hai abertas reclamacións en vía xudicial, tanto de funcionarios que consideraron danados os seus intereses profesionais, como de aspirantes a prazas na
Deputación que se consideran inxustamente valoradas”.

Tomé non ten só na Deputación frontes abertas en materia de selección e xestión de persoal na Deputación. Como alcalde de Monforte, conseguiu dar notoriedade ás probas para selección de axentes de policías locais ao facelas coincidir coas convocadas pola Academia Galega de Seguridade; finalmente, ningún dos poucos que se presentaron as probas en Monforte logrou superalas. Tamén ten aberto Tomé unha fronte de conflito con traballadores do Conservatorio”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com