A DXT ofrece aos colexios lugueses a posibilidade de adherirse ao proxecto europeo STARS

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que a Dirección Xeral de Tráfico ofrece aos colexios da provincia a posibilidade de participar nun proxecto educativo destinado a promover novos hábitos de mobilidade por parte dos estudantes e o profesorado.

Isabel Rodríguez explicou que o proxecto europeo STARS (Sustanaible Travel Accreditation and Recognition for Schools), coordinado pola Dirección Xeral de Tráfico, que involucra tanto aos concellos como aos centros educativos, ten por obxectivo fomentar pautas de mobilidade máis activas e sustentables nos alumnos de primaria e secundaria, diminuíndo a utilización do coche.

Este proxecto educativo, ademais do seu valor pedagóxico, promove estilos de vida saudables e aporta outros valores como o fomento da autonomía dos nenos e mozos e axuda a transformar cidades e vilas en lugares máis amables e humanos nos que o protagonismo é para as persoas e non para os vehículos.

A subdelegada informou de que o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, púxose en contacto cos concellos, a xefatura de Educación e os centros escolares da provincia aos que enviou nos últimos días información sobre este proxecto, que xa se experimentou durante este curso no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria.

O proxecto STARS vai dirixido fundamentalmente a alumnos/as de 6 a 19 anos, que se converten en protagonistas da iniciativa pois son os propios escolares quen deseñan campañas de fomento da mobilidade sostible, potenciando así a súa creatividade e capacidade de comunicación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com