O PP vilalbés pide a comparecencia da alcaldesa para explicar a situación do contrato de limpeza dos centros escolares

O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba solicita a comparecencia da alcaldesa ante o Pleno para dar conta da actual situación do
contrato de limpeza dos centros escolares e do proceso de concesión de axudas á hostalería e ao comercio de Vilalba para paliar os efectos da crise derivada da pandemia da covid-19.

O voceiro popular na corporación, Agustín Baamonde, fai fincapé na “incapacidade do goberno local para xestionar os asuntos municipais tal e como podemos apreciar chegado ao ecuador do mandato”. Tendo en conta que “a súa desidia e incompetencia está a ocasionar prexuízos aos veciños e aos sectores do tecido social de Vilalba”, o Grupo Municipal Popular considera “ineludible” demandar explicacións en relación a estas cuestións onde “o abandono, a falta de transparencia e o silencio do goberno municipal resulta totalmente inxustificado e inadmisible”.

Así, os populares demandan explicacións ante “a irresponsabilidade do goberno local” que xa coñecía a inestabilidade económica da empresa concesionaria do servizo de limpeza dos centros escolares e, aínda así, prorrogoulle de facto o contrato que vencía a finais do curso pasado en lugar de facer a licitación pública dun novo.

Baamonde explica que “esta situación do contrato de limpeza dos colexios menoscaba a imaxe do Concello e dana aos traballadores”. Igualmente, esixen aclarar o proceso de licitación para a adxudicación dun novo contrato feito a mediados do presente curso e “que foi declarado deserto, a pesar de ter concursado varias empresas e terse feito incluso unha adxudicación inicial”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular queren coñecer en que situación queda a prestación do servizo en tanto non remate o presente curso.

Axudas ao tecido económico local 
Os populares consideran “inaceptable a pasividade do goberno local” en relación ás axudas ao sector do comercio e da hostalería que “outros Concellos están xa a facer efectivas” e recordan que xa foron aprobadas fai catro meses e mesmo foron obxecto dunha pleno extraordinario solicitado pola oposición ao entender que a “neglixencia inescusable do goberno municipal está a ferir gravemente os intereses de Vilalba e as súas xentes”.

Dende o Grupo Municipal do PP temen que estas axudas “non se poidan facer efectivas ata finais de ano” porque “ao carecer de orzamento municipal hai que incorporar remanentes de tesourería para o que é imprescindible a liquidación orzamentaria do exercicio anterior, que está sen facer”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com