Lara Méndez reforza a xestión catastral do Concello para axilizar os procedementos administrativos

O Goberno de Lara Méndez trasladará mañá á Xunta de Goberno a aprobación do procedemento de contratación dun servizo de xestión catastral que colabore co Concello na realización de actuacións e na tramitación dos expedientes nesta materia, así como na xestión tributaria do Imposto de Bens Inmobles.

Segundo avanzou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, “a finalidade desta asistencia concretarase na elaboración de datos gráficos, cartográficos e alfanuméricos dos inmobles urbanos así como na comprobación da información física, xurídica ou económica dos expedientes abertos e que resulta necesaria para a súa tramitación”.

“Tamén deberá encargarse da cartografía catastral e da realización de planos dixitais así como dos impresos procedentes – referiu a concelleira – en tanto, un catastro completo e actualizado é o instrumento fundamental que nos permitirá levar a cabo unha xestión axeitada do territorio, acorde aos principios de sostibilidade que perseguimos”.

Alvarellos Fondo sinalou que a adxudicataria do contrato ofrecerá, así mesmo, atención, asistencia e información ao contribuínte nas súas dependencias e con persoal propio.

“Trátase de botar man de todos aqueles mecanismos que están á nosa disposición co fin de efectivizar a xestión municipal, dotándonos dos medios necesarios para desenvolver un labor áxil en todas as fases dos procedementos administrativos que cursamos pero, acadando ao mesmo tempo, a resolución dilixente das demandas e necesidades da cidadanía coa calidade e a prontitude debida”, afirmou a responsable de Gobernanza.

Paula Alvarellos indicou, así mesmo, que o orzamento base da licitación – que terá unha duración de tres anos, prorrogable por outros dous – é de 47.456 € para o primeiro exercicio, tendo en conta a estimación realizada pola área de Facenda Local (redactora dos pregos, baixo a coordinación que a Tesoureira Municipal fai da área económica), en base aos traballos anuais que se agarda realizar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com