Profesores e alumnos do CIFP Porta da Auga concéntranse contra a Lomloe

Profesorado e alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, concentráronse hoxe, xoves, na entrada do centro e gardaron un minuto de silencio para protestar contra a nova lei educativa do Goberno estatal, a LOMLOE, porque extingue o corpo de profesorado técnico da FP, o que consideran que terá graves consecuencias para o futuro da Formación Profesional.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explicou que esta mobilización, baixo o lema De costas á LOMLOE, fixérona “porque a nova lei de educación extingue o corpo de profesorado técnico de Formación Profesional (PTFP), é dicir aqueles docentes que a día de hoxe non teñen un título universitario dado que non existen esas especialidades na formación universitaria, como pode ser en servizos de restauración, estética, carpintería e moble, mantemento de vehículos,e máquinas, patronaxe e confección, produción en artes gráficas e incluso outras como edificación e obra civil.

Isidro Berdeal defendeu que “o profesorado técnico de FP segue sendo imprescindible para unha Formación Profesional de calidade”.

“O que pretenden implantar coa LOMLOE é que simplemente polo feito de ter un título universitario, sen desmerecer para nada esas titulacións, poida impartirse docencia en especialidades que son eminentemente prácticas e técnicas, co cal en ningunha universidade van adquirir os coñecementos necesarios para impartir desde un punto de vista técnico e práctico esa formación profesional”, criticou Berdeal.

O director do centro ribadense denunciou asemade que o Ministerio non está a atender as suxestión das comunidades autónomas, dando as costas “ao que se lle estaba dicindo”. Berdeal avanzou tamén que, dende o Goberno do Estado, están a desenvolver unha lei orgánica de Formación Profesional “e seguen sen atender as suxestións que se fan dende as comunidades autónomas”.

“O que pretendemos é facernos oír e que lle chegue ao Goberno a nosa postura polas graves consecuencias que isto ten para a Formación Profesional porque unha FP de calidade, que é o que pretendemos, depende de que continúe habendo ese corpo de profesorado técnico; se non é unha morte anunciada dunha Formación Profesional de calidade”, concluiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com