A área de Sostibilidade Urbana decretou onte a paralización das obras de Urbanización do Sector Norte I do Concello de Lugo, nas Saamasas, por carecer da prórroga da Confederación Hidrográfica, necesaria para poder continuar as mesmas. O concelleiro Álvaro Santos explicou que procederon a ordenar a interrupción inmediata dos traballos. Así, o Concello de Lugo daralle agora aos interesados un trámite de audiencia de 10 días para que inicien as accións que estimen oportunas.
Unha decisión moi criticada pola Xunta de Compensación do sector, que se reunía onte para analizar esta situación e que tildaron de senrazón a decisión do Concello xa que ao caducar en febreiro a autorización da Confederación Hidrográfica xa concluíran as obras da zona afectada por dito procedemento. A estas críticas uníase esta mañá tamén o grupo municipal de Cidadáns que cualificou esta parálise como unha chantaxe ás familias propietarias.
O edil da formación laranxa, Juan Vidal- Pardo, arremetía con dureza contra o titular de Sostibilidade Urbana a quen acusou de “actuar de forma caciquil e torticera” contra as preto de 80 familias propietarias do solo da urbanización. Para Vidal Pardo, a paralización das obras non é máis que unha “artimaña política”, dixo, “para presionar aos propietarios ante unha posible denuncia destes contra a aprobación do criterio interpretativo das rasantes aprobado onte no pleno”.
Doutra banda, a organización de Ecoloxistas en Acción xa alertara hai máis dun mes de que as obras se estaban realizando sen a preceptiva avaliación das súas repercusións ao río Miño e solicitara á Confederación Hidrográfica e ao Concello de Lugo que adoptaran as medidas oportunas para decretar a paralización inmediata das obras que se están a realizar mentres non dispoñan do Informe de Avaliación das repercusións sobre a Rede Natura e á Reserva da Biosfera.
Denuncian que son unha obras innecesarias para unha cidade na que case 1 de cada 4 vivendas está baleira. Ecoloxistas en Acción sinala que aínda que o proxecto da obra estivera aprobado non deberon iniciarse as obras sen cumprir co esixido na normativa ambiental. Esta urbanización, unha vez paralizada cautelarmente, só se debería continuar despois de que as autoridades competentes se aseguren de que non causará prexuízo á integridade do lugar e tras someter o proxecto e a súa avaliación ambiental a información pública.
Por iso, a organización ecoloxista solicita á Confederación Hidrográfica que faga unha avaliación exahustiva das consecuencias medioambientais desta construcción ás beiras do río Miño e ao Concello de Lugo que manteña a paralización cautelar até que se cumpra a normativa ambiental.