Música de Eloi Caldeiro para encher de melodía os poemas de Xela Arias. Foi a homenaxe que a área de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, lle brindou esta mañá á autora lucense dentro da programación deseñada con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
O concerto, que tivo lugar ás 13:00 horas no Parque Rosalía de Castro, foi o colofón dos actos organizados pola Casa da Muller para tratar de proxectar, durante este mes de maio, a achega realizada polas escritoras galegas á cultura, en prol da igualdade, como creadoras.
Á sesión, na que se intercalou a lectura de dez poemas de Xela Arias coa súa correspondente interpretación musical, asistiron tanto a concelleira Silvia Alonso como a edil Ana González Abelleira, que participaron activamente xunto a guía local de turismo, Lidia de la Fuente.
As alumnas de 2o ESO do instituto Leiras Pulpeiro, Andrea Cruzado e Uxía Deiros, tamén interviron no recital. Ámbalas dúas foron as gañadoras do 2o premio do concurso de Tik Tok “Lugo en Igualdade”, cun vídeo que versa sobre a supresión das desigualdades.
Previamente, ás 11:00 horas, tivo lugar a cuarta e última das Rutas Literarias pola cidade en honra a Xela Arias.